Copy
newsletter disquecool #3

O que comerás este ano, o que non debes perder en abril e cousas para ler na fin de semana

Agora que xa pasaron os festivos e que todos estamos de volta tras a longa ponte de Semana Santa, chega o momento de recuperar o mellor de marzo en Disquecool e de descubrir que temos para contar que só vós podedes saber. Esta newsletter ten un contido exclusivo de altura, deses que vos farán ser máis listos que un allo (e que os vosos amigos) e saber o que se leva antes que os demais. Hoxe ímosvos descubrir que 5 tendencias cambiarán como comedes durante 2015. Como sempre, o contido exclusivo facendo scroll ata ben abaixo.

Longform
Debo confesar que o habitual cando defendo que prefiro viaxar en tren a facelo en avión é conseguir unha resposta de certa incomprensión. Por que coller un tren, que fará inevitable dedicar unhas cantas horas á viaxe, cando se pode optar por un avión rápido e eficiente que o reducirá todo á mínima expresión de tempo? [...]
Vintage
O TEU NOVO OBXECTO DE DESEXO É UN SMARTPHONE CIRCULAR E VICTORIANO

“Na era victoriana, sacar o reloxo do peto e miralo de forma disimulada era unha forma sútil de dicirlle á persoa coa que estabas que xa era tempo de rematar a conversa”, explica Jason Proctor, un dos cofundadores de Runcible. [...]
STREET STYLE GALEGO RETRO: 1910 A 1919

Os xornais de comezos do século XX galegos non están (aínda) cheos de fotos (e si todos agardamos con entusiasmo pasar de década neste percorrido polo street style retro galego), pero profundizar nalgunhas das revistas que se publicaban no momento [...]
COCIÑA COMO SE VIVISES NO SÉCULO XVII

Non hai dúbida posible: a cociña está de moda. Atrás quedaron os tempos en que a xente cool ía cada noite a un restaurante diferente, agora o que triunfa (como ben saben os produtores de Masterchef e programas similares) é cociñar na casa. [...]
OS FESTIVAIS QUE VEÑEN: ABRIL 2015

Por fin, por fin. A primavera, o sol, o cambio de hora, a luz á fin do túnel… e os festivais! En inverno pechamos esta sección non por falta de propostas, que sempre hai, senón por esa especie hibernación na que entramos. [...]
ONDE COMER CREPES EN COMPOSTELA?

Non imos entrar no eterno debate sobre se as filloas e as crepes son o mesmo ou non o son. Só imos sinalar que sexan irmás ou inimigas, están realmente sublimes e merecen toda a nosa atención e entrar dentro de todos os nosos plans gourmet [...]
Exclusivo

5 cousas que marcarán como comerás durante este ano (ou as comidas que serán tendencia) 


Se pensades que o que comedes non está marcado polas modas, estades profundamente equivocados. As tendencias chegan ao supermercado, onde os cambios en como os millennials fan a compra (agora pasan de facer lista da compra ou de ir de xeito semanal e mercan as cousas por intereses e non tanto por exemplo porque todos sabemos que tes que facerte cun certo número de cartóns de leite cada certo tempo) están modificando os produtos que ves e mesmo como están colocadas as cousas.  E as modas tamén chegan ás cartas dos restaurantes. Ou pensades que o boom das hamburguesas gourmet foi unha coincidencia cósmica? 

Segundo Pinterest, que deu unha predición sobre o que molará en 2015 alá polo Nadal, este ano imos tolear pola coliflor (ben, non toda a redacción de Disquecool está disposta a sumarse á moda) e beberemos zumes de froitas (moitas froitas, especialmente se teñen regusto estraño). Pero estas non serán as únicas tendencias que cambiarán o que comemos. Segundo Mintel (unha desas consultoras de mercado que fan análises super sesudos sobre as tendencias de consumo), cinco serán as grandes tendencias que marcarán este ano os nosos hábitos alimenticios. Preparados para descubrir que estará de moda? 

O que comemos non marca a nosa dieta: é unha expresión dun estilo de vida

Esa é a primeira conclusión do estudo. As persoas xa non ven os alimentos simplemente como o que che quita a fame ou como o que tomas para seguir a dieta X ou a Z. Agora os alimentos son un xeito máis de expresar o que somos. Os consumidores, din, están cada vez máis preocupados pola saúde (como todas as cousas sobre tendencias, o estudo parte de datos de EUA) e por tanto teñen unha “aproximación holística” á mesma. Non é só facer deporte, tamén é comer san e marcar posicións empregando a comida. Aínda así, o termo ‘dieta’ está pasando de moda (e non mola) e a xente comeza a pensar non no efecto inmediato do que comen senón no futuro. (E aínda así o que está de moda non é ser un tolo que non se permite nin unha mínima indulxencia: podes tomar ese anaco de chocolate que tes na man)

O transparente “é o novo verde”
Durante anos todos os produtos que intentaban convencernos de que eran os mellores empregaban as mesmas armas: do campo á túa mesa, bio, orgánico, e toda trapallada verde que se lle ocorrera (agora polo menos hai unha regulación clara e non vale con dicilo, hai que ser realmente verde). Pois ben: ser verde – ou aparentalo (ser verde de verdade esta moi ben) – xa non é que mola. Agora os consumidores queren que as marcas sexan limpas. E por limpas enténdamos transparente. Listas de ingredientes, poder seguir realmente o itinerario do campo á túa mesa, ver claramente no packaging os beneficios das comidas... Iso é o que está de moda. 

Todos levamos dentro un pequeno chef (si, si, agora todos somos Remy) 
Cal era a gran lección que aprendemos con Ratatouille, esa sublime película? Como ben dicía Remy, a rata protagonista, calquera pode ser chef. Só hai que desexalo e esforzarse (ben, para ser chef de verdade hai que ter talento e anos de traballo, pero deixémolo no xenérico). Hoxe todos queremos ser como Remy. Todo o mundo quere cociñar como un chef famoso e facer eses pratos tan especiais. Como todo o mundo non é quen de facelo, o mercado estase enchendo de produtos que cho dan todo xa máis ou menos feito para conseguilo. 

As medias tintas acaban de morrer
Unha das consecuencias que a crise está tendo nas pautas de consumo é que os estremos están crecendo en poder. Quen están triunfando? Por unha banda están as marcas de luxo, que non perderon mercado. Pola outra, están as de desconto que fan do barato o seu punto clave. O mesmo pasa na comida. O que queda no medio está en serio perigo de desaparecer: ou se é un produto de luxo digno do Sánchez Romero (tamén coñecido como o supermercado máis caro de España) ou se é un paquete de galletas de aspecto desleixado que un podería atopar no Dia. Ou se ofrecen prezos moi baixos ou un valor moi elevado. 

Velaí vén internet
Internet xa está ocupando todas e cada unha das partes da nosa vida. Tamén o fará coa comida. Cada vez mercaremos máis comida e máis bebida online: esa será unha das grandes áreas de moda no ecommerce. A lista da compra será cada vez máis electrónica. 

Date de baixa    Preferencias 

Email Marketing Powered by Mailchimp