Copy
#003 - Abrir no navegador

Principios de deseño


Na empresa na que traballo (marketgoo) estivemos a facer nas últimas semanas un intenso exercicio de «visión de produto» que, entre outras cousas, nos levou a definir uns novos Principios de deseño (aínda que no noso caso chamámoslles Product Values). É certo que xa tiñamos uns principios definidos anteriormente, pero nesta ocasión, foi un traballo colaborativo de todo o equipo de produto, cun resultado moito máis acorde coa compañía e co produto que ofrecemos. Cando rematemos de darlle forma, farémolos públicos, e substituirán os anteriores.

Os «principios de deseño» son un conxunto de regras que nos axudan na toma de decisións. A pesar do seu nome, non son algo relacionado exclusivamente co deseño, nin sequera con empresas de produto como a miña. Poden ser implementados por calquera empresa, organización ou colectivo que queira establecer unha serie de valores ou principios que sirvan de guía á hora de darlle forma a calquera produto, tecnoloxía ou servizo que ofreza.

Un exemplo aplicado á tecnoloxía son os principios de deseño da linguaxe HTML coa que está construída a web. Outro bo exemplo de principios de deseño témolo nos Design Principles do Goberno do Reino Unido, sobre os que falou Coca Rivas nesta palestra do FEED de 2017. Incluso me aventuro a dicir que o decálogo ético para a práctica do deseño que definimos dende a READ podería considerarse unha síntese dos principios de deseño da profesión de deseñador/a 🙂

Se queres ver centos de exemplos aplicados a todo tipo de empresas, colectivos ou mesmo tecnoloxías, recoméndoche que lle botes un ollo a este enorme repositorio creado por Ben Brignell (@benbrignell), un deseñador e artista inglés que, ademais, fai fermosos bosquexos urbanos.

Aprender deseño confinado


Existen infinidade de iniciativas para axudarnos aos que temos que permanecer nas nosas casas, a facer o trámite máis soportable. Decidín facer unha pequena recompilación daquelas relacionadas co mundo do deseño, para que todos poidamos aproveitar o tempo para formarnos.
Anton Sten (@antonsten) leva máis de 20 anos traballando como deseñador dixital, e decidiu plasmar todo este coñecemento acumulado en dous libros: User Experiences that Matter (un bo comezo para os que se queiran iniciar no mundo da UX), e Mastering Freelance (se es freelance e tes dúbidas de como atopar clientes ou pór prezo ao teu traballo, este libro pódeche responder algunhas destas preguntas).

Con motivo da crise do coronavirus, o bo do Antón decidiu poñelos a disposición de todas as persoas interesadas de xeito gratuíto (ou pagando o prezo que queiran).
Gary Hustwit segue co seu programa de poñer semanalmente a disposición de todos, un dos seus documentais sobre deseño de forma gratuíta. Esta semana tocoulle a Urbanized, que nos fala sobre as cidades e o deseño urbano. Os documentais anteriores (Helvetica e Objectified) xa os vira, mais este aínda non. Supoño que xa teño plan para esta finde.
Por fin podemos ver a recomendadísima palestra de Carmen Lanza no FEED 2019, e na que falou da evolución da interactividade nos produtos dixitais, de diferentes interfaces máis alá da pantalla e de espazos e obxectos interactivos. Por certo, quen me dera ter unha máquina de fume como a que comenta!
E agora, algo completamente oposto ao concepto «dixital». Tiven a sorte de poder ver este documental no evento EXPRESS organizado pola DAG con charla posterior de Pablo Pivetta. Para os frikis dos tipos móbiles, ou os que queirades saber como se imprimía antes de que a impresión offset e dixital o dominase todo, «Los últimos» é ideal, mestura de humor e melancolía.

Deseño en tempos de crise


Esta semana descubrín máis cousas interesantes relacionadas coa pandemia do coronavirus que me gustaría comentar. Se imos morrer todos, polo menos que sexa con bo deseño ✊
O xornal The New York Times, na súa edición en papel do 27 de marzo, chántanos un gráfico a 6 columnas coas solicitudes de desemprego realizadas semanalmente. Brutal, esa combinación gráfica/texto, non fai falla que vos diga que prestedes atención á última semana, non?

Aquí podedes descargar a portada en PDF para aprecialo aínda mellor.
Stay Sane / Stay Safe é unha iniciativa do estudio de deseño Lennarts & De Brujin, na Haia. Nesta páxina podemos encontrar máis de 500 carteis creados por deseñadores de 66 países diferentes, listos para descargar e imprimir, ou se non tedes impresora, compartir nas redes sociais. Boto en falta algo máis de variedade lingüística, a ver se algún de vós se anima a enviarlles algún.
Valencia, que será a capital mundial do deseño en 2022, creou a plataforma #EstoPasará, un proxecto colectivo onde poñer o deseño ao servizo das persoas, para axudalas nestes momentos tan difíciles. Planos para imprimir en 3D material sanitario, cursos de deseño e ilustración, xogos para os máis pequenos etc.
Max Böck (@mxbck) é un programador / deseñador (e parece ser que tamén músico) que creou un kit para publicar unha web de emerxencia. A razón é que nestes casos, ás veces non hai tempo para pararse a deseñar e construír unha web para amosar información crítica e os CMS actuais non manexan ben os picos de tráfico. Por iso creou este modelo listo para publicar e actualizar contido. Ademais anda a barallar varias ideas para aquelas persoas que non son programadoras, para que sexa aínda máis fácil de empregar.

Variable font pola cara

Your Typeface é un divertido experimento no que podes controlar dous eixes dunha fonte variable movendo a boca (activando antes a webcam, claro). Unha vez escollido o grosor e largo desexados, podes descargala.

Deseña unha tipografía cos máis pequenos

Se estás confinado con crianzas, unha actividade que podes facer con eles é crear unha tipografía coa súa letra. Kidpofy é unha ferramenta gratuíta que che permite facelo de xeito doado e así terás un recordo para sempre.

Subtitulado para xordos

Os que me coñecen saben que son un firme defensor do uso dos estándares web e de accesibilidade. Non entendo a profesión de deseñador (ou desenvolvedor) web sen ter en conta estas boas prácticas. Esta semana batín con este post sobre como subtitular vídeos para xordos. Spoiler: é moi diferente ao subtitulado xenérico ao que todos estamos acostumados.
Creative Commons con Attribución - Oscar Otero (2020)
O logotipo de conxeito foi creado coa tipografía Movement de María Ramos

Se non queres recibir máis correos date de baixa desta lista.

Email Marketing Powered by Mailchimp