Copy
 Se non viras ben este mail clica aquí

Convidámosvos a unha nova presentación de Im-pulsos creativos. Canles alternativas de creación contemporánea, introducido, coordinado e editado por Lucía Romaní e Arantxa Pérez Indaverea, libro que dirixe a súa atención cara a unha realidade cultural presente pero xeralmente obliterada, e faino a través de once ensaios, moi diversos na súa forma e contidos, que nos achegan a experiencias e pensamentos doutros tantos proxectos de creación e xestión cultural que maioritariamente evolucionan ás marxes da institución, converténdose en formas de resistencia, tanto polo seu modo de operar como pola súa reflexión teórica e política, sempre lucidamente crítica. Proxectos que van desde aqueles que tentan transgredir os modelos profesionais pechados e inamovibles até outros que buscan a dignificación do traballo creativo incidindo no seu valor social; mesmo hai quen explora na potenciación e apertura doutras formas de vida.

Im-pulsos creativos reflexiona sobre a necesidade de xerar e alimentar sensibilidades dende a convivencia, nunha relación equilibrada e horizontal, e cun afán de axitar as conciencias para non caermos no conformismo, unido todo isto a un traballo que nos implique a todos de xeito comunitario, sabendo cuestionar o propio conformarse diso ao que chamamos «comunidade», colaborando e facéndonos partícipes fronte á demasiado estendida concepción competitiva e á necesidade de representatividade pública e inmediatista que os actuais sistemas de industrias culturais propugnan.

Precisamente debido ao posicionamento ético que implica esta proposta, e en consenso coas coordinadoras do volume, deixamos o libro completo dispoñible en formato electrónico, de balde. Porén, tamén hai exemplares físicos que podedes mercar na vosa libraría habitual ou a través da nosa tenda web. Embaixo tendes as ligazóns para acceder á información do libro no noso sitio web, na tenda e mais á descarga do libro electrónico.

Nesta ocasión a presentación vai ter lugar ademais no espazo que acolle un dos proxectos autoxestionados que fai parte deste libro, será o venres 26 de abril, ás 20.30h., no Liceo Mutante (Rosalía de Castro 100, Pontevedra), e contaremos coa presenza das editoras e coordinadoras do volume, tamén co profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Javier Tudela, con Xosé Lois García, representando ao Liceo Mutante, e con Roberto Abuín, por parte de Axóuxere Editora.

Agardámosvos.

Axóuxere Editora

 

Máis información sobre o libro no noso sitio web
Mercar o libro na nosa tenda online
Descargar o ebook completo do libro

 

Lucía Romaní (Ribeira, 1981). Artista, docente e investigadora. Doutora en Belas Artes pola UVIGO, a súa tese xira en torno ás relacións entre arte e espazo público no contexto galego. Membro do colectivo artístico COVA. Actualmente dirixe diversas iniciativas no ámbito educativo e da creación contemporánea, labor que compaxina coa súa actividade artística.

Aránzazu Pérez Indaverea (Cidade de México, 1983) é investigadora en Historia da Arte no grupo HAYDU da USC. Desenvolve a súa investigación no ámbito das relacións entre a arte e as novas tecnoloxías, a concepción do lúdico e a arquitectura contemporánea. Neste eido ten realizado estadías na Université Paris 1 e na TU Delft, e colaborado en diversas publicacións internacionais.

 



Axouxere Editora 2019
Brión, 64 - Leiro / 15928 Rianxo / Galiza



Se recibes esta mensaxe é porque tes algunha relación profesional ou persoal co proxecto Axóuxere.
De non ser así, desculpa o erro; podes darte de baixa na lista seguindo a ligazóno a rodapé. Obrigado.