Copy
 Se non viras ben este mail clica aquí

Na defensa dos animais
Oscar Horta
Polimnia 13 / 308 páxinas

PVP 18€

Tradicionalmente acostumóusenos a pensar que os animais de especies distintas da nosa son cousas que podemos empregar á vontade, e por cuxa situación non nos temos que preocupar. Porén, esa idea está a ser abandonada por moita xente, paseniñamente. Por que é que isto está a acontecer? Que motivos teñen todas esas persoas que se están a unir, nun número cada vez maior, á causa da defensa dos animais? Que razóns hai tras esa mudanza?

O filósofo e activista Oscar Horta, unha das voces máis autorizadas actualmente na ética animal e na reflexión sobre a constitución moral e legal dos animais, exponnos neste libro cales son esas razóns. Entre outras cousas, argumenta que aquilo polo que nos pode danar ou beneficiar o que nos fagan non é o feito de pertencermos a unha certa especie e non a outra. Nin tampouco a intelixencia que teñamos, a simpatía que espertemos ou a situación de forza na que nos atopemos. O que conta é só se podemos sentir e sofrer. E iso acontece non só no caso dos humanos, senón tamén no dos demais animais non humanos, razón pola cal deberiamos respectalos. Na defensa dos animais sostén que dar pleno respecto só aos seres humanos é unha forma de especismo, nome dado á discriminación –análoga a outras coma o sexismo ou o racismo– dirixida cara a quen non pertence a unha certa especie. De resultas do especismo, billóns de animais son explotados e matados anualmente de xeitos terríbeis. Outros sofren e morren en circunstancias nas que poderían ter sido axudados, tanto no caso de animais inxustamente traídos ao mundo polos seres humanos coma no de moitos outros que viven no mundo salvaxe. Dese xeito, o especismo aniquila toda posible integración e comprensión da alteridade afectiva e existencial dos animais, inscribíndoos como subalternos sen dereitos, sempre a disposición do humano.

Este libro sitúanos fronte a un problema que transcende a mera dimensión teórica, e que se revela como un dos factores centrais da metamorfose á que se encamiña a sociedade en conxunto e a persoa en singular. Desde unha minuciosa análise, cunha linguaxe non especializada pero si rica en argumentos, o autor convídanos a mudar a situación dos animais, póndonos do lado daqueles que non tiveron a sorte de naceren humanos, e dando o paso adiante que precisan, a prol da súa defensa.

 

Máis información no no noso sitio web
Mercar o libro na nosa tenda online
Descargar un fragmento

 

Oscar Horta é activista na defensa dos animais dende os anos 90 e ten participado dende entón en distintas organizacións e actividades ao longo de varios países. É membro da organización internacional Ética Animal e profesor de Filosofía Moral na Universidade de Santiago de Compostela. Foi investigador visitante noutras universidades, como as de Rutgers, Gotemburgo, Lisboa, La Sapienza de Roma, Porto ou Copenhague. Tamén foi investigador na FECYT. No 2007 recibiu o Premio Ferrater Mora de Ensaio. Ten dado a coñecer unha grande cantidade de traballos arredor do especismo, a consideración dos animais e cuestións relacionadas de filosofía moral e ética aplicada, entre eles medio centenar de artigos publicados en revistas académicas de carácter internacional. Entre os seus traballos tamén destacan o libro Una morale per tutti gli animali (Milán: Mimesis, 2014) ou as súas contribucións no Lexikon der Mensch/Tier-Beziehungen e na International Encyclopedia of Ethics.

 



Axouxere Editora 2019
Brión, 64 - Leiro / 15928 Rianxo / Galiza



Se recibes esta mensaxe é porque formas parte da nosa listaxe de correos-e.
Cando queiras podes darte de baixa premendo na ligazón a rodapé.
Obrigado.