Logos internos
En marketgoo levamos traballando dende hai varios meses na mellora do noso produto (unha ferramenta para optimizar o SEO, destinado a persoas non expertas) co obxectivo de levar a solución «aceptable» que temos agora a un novo nivel. Trátase dunha mudanza ambiciosa que nos fixo repensar todo, dende definir un novo enfoque, estabelecer uns principios de deseño e traballar nunha nova visión de produto para implementar nos próximos anos. Case nada!
Para enfrontarnos a un cambio tan profundo, é necesario estarmos todas as persoas que formamos parte de marketgoo involucradas, conscientes do que estamos a facer, por que o queremos facer e como o imos levar a cabo. Non se trata do traballo dun único equipo, nin dun proxecto que se presenta un día con fogos de artificio para caer no esquecemento despois dun tempo. Queremos manter a tensión en todo momento dun proxecto que ten un obxectivo e duración concretos e onde todos debemos estar remando na mesma dirección.
Por iso decidimos poñerlle un nome: Wanderlust mission, en referencia a Wanderlust Ironworks, un artesán de mobles que grazas á nosa ferramenta conseguiu ter éxito online coa súa empresa. E fixemos isto:
|
|
Este logotipo, de temática mariña como non podía ser doutro xeito, mostra o faro de Punta Robaleira no cabo Home, un faro do que gardamos grandes recordos dunha visita anterior, e acompañámolo dunha onda en alusión a «Ola», o noso sistema de deseño. Non hai nada casual neste logo, todo fai referencia a momentos importantes.
Por suposto, ter un logo para un proxecto interno non é nada novo, 2 anos antes en onTruck xa facían parches de misión por cada proxecto importante, no seu caso inspirados nas misións espaciais. Seguro que hai máis empresas que fan cousas parecidas.
O interesante de todo isto é que funciona. Polo menos no noso caso, ter un nome e un logotipo destinado unicamente para uso interno estanos axudando a manternos enfocados neste obxectivo e conscientes da súa importancia. O logo está presente en todos os ámbitos, encabezando documentos, presentacións e todo o relacionado con esta misión. E tamén estamos traballando na produción de merchandising como camisetas, adhesivos, cadernos ou botellas de auga.
Isto fíxome pensar na importancia do deseño no funcionamento interno das empresas e institucións, non só destinado ao cliente final. É evidente que cun logo nada máis non se soluciona nada, ten que haber moito traballo detrás de coordinación, comunicación e organización, pero si que pode ser a cereixa do pastel, o que marque a diferenza entre algo ben feito mais que se debilita co tempo ou algo que nos axude a manter a tensión.
|
|
En Galicia temos a sorte de contar con deseñadores tan bos como Manuel del Río, cofundador de cenlitrosmetrocadrado, que decidiu liberar en licenza Creative Commons o deseño do seu estante Faino estante, coa filosofía DIWO (Do it with others). Mesmo comezou a crear unha lista de posibles fabricantes, deseñadores e provedores aos que poder ir cos planos para que che adapten e constrúan o estante.
|
|
|
Creo que todos os que nos dedicamos á web soñamos con isto máis dunha vez e parece que por fin se fixo realidade: Internet Explorer finalmente morreu! 🥳 Realmente, non creo que ningunha persoa o empregue actualmente, non sendo en grandes empresas que non se poden desprender del tan facilmente. Pero Microsoft vai finalmente deixar de dar soporte a IE11 e servizos importantes como Office 360 deixarán de funcionar.
|
|
|
Marabilloso micro-book o que Ehsan Noursalehi nos agasalla. Why Do We Interface? rescata a estética píxel que tan de moda estivo nos 90 para ofrecernos un percorrido polo pasado, presente e futuro das interfaces.
|
|
|
Imaxina un idioma que todas as persoas do mundo (videntes) poidamos entender para comunicarnos. Pois é o que fixo o deseñador xaponés Yukio Ota. Un idioma pictográfico no que estivo a traballar dende 1964 chamado LoCoS (abreviatura de Lovers Communication System).
|
|
|
A W3C está a redeseñar a súa web, e para iso contou coa axencia inglesa Studio24. O interesante é que teñen todo o proceso en aberto e podes acceder a todo o traballo feito neste timeline, incluso subscribirse por RSS. Moi interesante para aprender como se traballa nunha web destas dimensións.
|
|
|
Para a semana hai ENAD, o encontro nacional de asociacións de deseño que cada ano organiza a READ (da que a DAG forma parte). Nesta oitava edición vai ter un formato principalmente online e o tema é o deseño aplicado á gastronomía. Podes apuntarte gratuitamente na súa web.
|
|
|
Para finalizar, en vinte fixeron unha reportaxe sobre newsletters en galego, na que incluíron a miña 😊, mais tamén outras que vale a pena seguir. Anímovos a que vos subscribades e as apoiedes.
|
|
|
|
|
|